Como dixen na entada anterior, os nenos, sobre todo no verán que non había escola, eran os encargados da casa de levar as vacas a pacer. Podía ser moi aburrido cando un ía solo e tiña que levar as vacas pola corda pacendo nas beiras do camiño co seu andar paseniño. Pero esta obligación podía convertise en diversión cando se xuntaban máis rapaces nas grandes praderías, onde non había que ter en conta de que comesen o millo dos veciños. E así ir coas vacas convertiase noutra tarde de xogos. Mentras as vacas pacían podíase brincar, andar as agachadas, xogar a pilla, facer pinchacarneiros, andar ós saltóns, andar ós grilos.....
OS GRILOS

.jpg)
O grilo canta no lar,
tamén canta na campía.
Canta co sol quimador,
nas horas do meredía.
O grilo tan pequeniño
coas azas tan delicadas
co seu traxe de cor mouro
e as súas antenas delgadas
Teño un grilo ceboleiro
que soio come leituga
e, para cantar e cantar,
se viras como madruga!
O meu grilo cantando
é mellor que o que tes tí:
cando o teu dá dito: "cri.."
o meu xa dixo: "cricri".
Manuel María
Grileiras vimbios. Meu pai e os rapaces da súa xeración sábenas facer |
Hai moitos nenos na cidade
que non escoitaron o grilar
dos grilos,
nin os ouviron.
Levádeos a cazar grilos,
unha palliña seca a revirar
no tobo,
a lle escarabellar no corpo
ao grilo!
Como é que pode un nenor,
vivir, medrar,
sin ver un grilo?
Como é que pode un neno
chegar despois a home,
unha nena a muller,
e tern fillos,
e netos,
e morrer, sen escoitar un grilo?
Como pode ninguén
se relembrar dos tempos para
alá idos
da nenez, da puberdade,
da celme amorriñada
sen ver no seu sono,
cheo de saudades
un campo resequido
nun serán fervente,
nunha noite aluarada,
do mes de xullo,
para endexamais perdido,
estourando de anceios
e de grilar de grilos?
Fermín Bouza Brey.
Eu, persoalmente, teño varias lembranzas da nenez relacionadas cos grilos. Recordo que había unhas grileiras de plástico en forma de casiña con portiña. Hai moitos anos que xa non as vexo a vender en ningures. A mín encantábame traer os grilos cazados naquelas grileiriñas. E lembro unha vez que tiña tantos que os metín nun armario de xoguete das miñas bonecas. Cantaron toda a noite e non me deixaron a penas dormir, cando xa cansa do cri-cri, fun o armariño para botalos pola ventana, non estaban, escaparan e andaban agochados polo cuarto, polo que ata a mañán non puiden escoitalos. Vai noitiña que me deron!!!
![]() |
As grileiras que eu mercaba de nena |
De meu irmán tamén recordo unha anécdota ben voa, pero non é de grilos, é de vacas. Foi co noso curmán Juan Carlos as camposas dos Pozos cas vacas. Tiñan unha vaca nova, que aínda non coñecía o camiño e era moi nerviosa. E mentres eles estaban entretidos en xogos, a vaca escapou. Juan quedou cas outras, e meu irmán a correr detrás da vaca tola. E cruzou tódolos prados, e montes dos Pozos, pasando polo que hoxe é a autovía, e a gasolineira, e foina pillar na carretera xeral, na nacional VI, chegando casi o lugar de Parada. Alí alguén lle deixou unha corda, e voltou con ela ata os pozos, cansadiño coma un rastro. Así era coma facían deporte os nenos da nosa xeración....

ANDAR AOS SALTÓNS:
Esto tamén era entretido. Pero aquí non se trataa de pacencia, coma cos grilos, se non de rapidez e axilidade, collelos mentas estaban pousados nunha herba cun movemento rápido e certero da man, ou atrapalos ao voo, mentras saltaban. Os máis preciados eran os que tiñan ás. Enchiamos bolsas, ou botellas cheos deles, e despois, cando nos cansabamos, soltábamos os que sobreviviran a semexante tortura. Algúnhas veces, non moitas, salíanos ese ramalazo sádico que temos os nenos e arrancabamoslles as patas grandes cas que saltaban. E logo viñanos de súpeto o arrepentiemento, e matábamolos cun bo pisotón para que non sufriran.

O recordo máis bonito de andar os saltóns, era ir pisando a herba, e ver como a cada paso, saltaban centos deles deixado o refulxir ao sol das distintas tonalidades das súas ás.
Ou estar sentado na herba, e ver coma un saltón despóis dun gran salto quedaba pousado un ratiño no xeonllo, e o mirabas dende a túa grandeza, sabendo que aquel animaliño era totalmente inofensivo, e ti, levabas as de gañar.