jueves, 12 de julio de 2012

TRONADA DE VERÁN

 NOVE DÍAS

Iamos chegando aos poucos, antes de que caeran as primeiras gotas. O primeiro trono que soaba ao lonxe era coma unha sinal. Saíamos das nosas casas, deixabamos o que estabamos a facer: a televisión, a lectura baixo a sombra da maceira, a sesta obrigada, o paseo na bici e, ás escapadas saíamos da casa e corriamos todos ata a palleira de Maraño.
Chegabamos ansiosos, sabendo que nos esperaban duas horas emocionantes. Os últimos chegaban xa mollados saltando entre as pozas, baixo a chuvia. Os veraneantes da cidade estreando as katiuskas compradas a propósito para esas tardes de choiva na aldea. Os da aldea con sandalias ou praieiros. Eles non sentían os pés mollados. Xa estaban afeitos.
Os tronos ianse achegando, mentras o ceo se oscurecía rapidamente. Cando xa estábamos todos, empezabamos a contar despóis de cada lóstrego: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7...ata que o trono resoaba.¡¡A sete kilómetros, a tronada está a sete kilómetros!!berrábamos coma tolos. Aquela fórmula máxica repetíamola ano tras ano e ensínabamoslla aos novos pequechos que ese verán integrabanse no grupo. "É moi sinxelo, dende que alumea o lóstrego  ata que se escoita o trono contas paseniño e cada número é un kilómetro". Creíamos nela como unha fórmula matemática infalible.
Eramos un bo fato de cativos. Algúns contaban chistes e facían paisadas, ises serían titiriteiros. Outros cantaban e ensaiaban os pasos de baile para a verbena da festa do patrón. Ises serían artistas. Outros poñíanse debaixo do canalón da auga e mollaban a cabeza ou mesmo bebían daquela auga turbia, ises serían fontaneiros. Outros adicabanse a arranxar as pedaletas e engraxar as cadeas das bicis, eses ian para mecánicos.... Outros aproveitando a escuridade da palleira contaban contos de medo. Esos serían escritores frustrados que terminarían escribindo contos para a familia.
Cada vez eran menos os números que nos daba tempo a contar entre lóstrego e trono. A choiva arreciaba. Ata que chegaba aquel forte que nos collía por sorpresa a todos en deixabanos sen respiración. Nese momento calaban os contos, as cancións, os chistes, os pasos de baile. Nun momento todo quedaba en suspenso, parabase o tempo. O ruído exordecedor e a luz cegadora caía sobre todos nos. E así un tras outro durante un bo anaco. Pouco a pouco, ían distánciandose de novo a luz do lóstrego do ruido do trono, e todos volvíamos ás risas e aos contos. A Choiva ía escampando,e o sol volvía a resplandecer aínda moi alto. As nubes, aquelas nubes grandes, altas, cumios de nubes que chamábamos castelos ían alonxandose. Marchaban cara a outra aldea para que outros nenos se xuntaran noutra palleira nunha tarde de verán.
Saíamos do noso refuxio. O sol volvía a quentar, pero xa non era o calor abafante da mañá, senon un calor agarimoso, que se agradecía despóis da frescura da tronada. Voltábamos para a casa. A aboa rifábanos:¿ónde estívestedes condenados de cativos? ¿vides mollados? Cambiade o calzado que os peores catarros collense polos pés. Candos veñan os vosos pais o venres, xa veredes".
Voltabamos cos pes secos e tomando unha boa merenda que compartíamos e cambiabamos cos amigos, respirando ese aire cheo de perfumes gloriosos que arrecendían da herba e das flores molladas. A aldea volvía a cobrar vida, saían os homes a facer os seus traballo interrumpidos pola choiva, as mulleres a falar nas portas das casas, os nenos para os prados para que as vaquiñas pacesen nesa herba fresquiña. Quedaba aínda moita tarde de sol. Os días eran longos. Sabíamos que mañá tiñamos outra cita no mesmo sitio e case seguro a mesma hora. Tódolos anos repetíamos o mesmo cando saíamos da palleira despóis da tronada: "Ata mañá. Lembrade que son nove días". Daba igual que algún ano fosen dous, ou catro ou dez. Diso sempre nos esquecíamos, pero o que sempre lembrábamos, ano tras ano, era de que sabiamos que sempre que viña un día de tronada no verán, habían de vir oito máis seguidos. Era así, sempre fora así. Aprenderanolo os vellos, nun tempo en que os nenos aínda aprendían dos maiores.
Tamén esqueciamos dun verán a outro que, según ian pasando os días a emoción do primeiro día de tronada ía menguando ata chegar a ser case unha obriga aburrida, pero.... só eran nove días. ¿e qué eran nove días nun verán de infancia que duraba eternamente? Tiñamos moitos días por diante, tiñamos un longo verán por diante. Tiñamos unha vida por diante.