jueves, 12 de julio de 2012

TRONADA DE VERÁN

 NOVE DÍAS

Iamos chegando aos poucos, antes de que caeran as primeiras gotas. O primeiro trono que soaba ao lonxe era coma unha sinal. Saíamos das nosas casas, deixabamos o que estabamos a facer: a televisión, a lectura baixo a sombra da maceira, a sesta obrigada, o paseo na bici e, ás escapadas saíamos da casa e corriamos todos ata a palleira de Maraño.
Chegabamos ansiosos, sabendo que nos esperaban duas horas emocionantes. Os últimos chegaban xa mollados saltando entre as pozas, baixo a chuvia. Os veraneantes da cidade estreando as katiuskas compradas a propósito para esas tardes de choiva na aldea. Os da aldea con sandalias ou praieiros. Eles non sentían os pés mollados. Xa estaban afeitos.
Os tronos ianse achegando, mentras o ceo se oscurecía rapidamente. Cando xa estábamos todos, empezabamos a contar despóis de cada lóstrego: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7...ata que o trono resoaba.¡¡A sete kilómetros, a tronada está a sete kilómetros!!berrábamos coma tolos. Aquela fórmula máxica repetíamola ano tras ano e ensínabamoslla aos novos pequechos que ese verán integrabanse no grupo. "É moi sinxelo, dende que alumea o lóstrego  ata que se escoita o trono contas paseniño e cada número é un kilómetro". Creíamos nela como unha fórmula matemática infalible.
Eramos un bo fato de cativos. Algúns contaban chistes e facían paisadas, ises serían titiriteiros. Outros cantaban e ensaiaban os pasos de baile para a verbena da festa do patrón. Ises serían artistas. Outros poñíanse debaixo do canalón da auga e mollaban a cabeza ou mesmo bebían daquela auga turbia, ises serían fontaneiros. Outros adicabanse a arranxar as pedaletas e engraxar as cadeas das bicis, eses ian para mecánicos.... Outros aproveitando a escuridade da palleira contaban contos de medo. Esos serían escritores frustrados que terminarían escribindo contos para a familia.
Cada vez eran menos os números que nos daba tempo a contar entre lóstrego e trono. A choiva arreciaba. Ata que chegaba aquel forte que nos collía por sorpresa a todos en deixabanos sen respiración. Nese momento calaban os contos, as cancións, os chistes, os pasos de baile. Nun momento todo quedaba en suspenso, parabase o tempo. O ruído exordecedor e a luz cegadora caía sobre todos nos. E así un tras outro durante un bo anaco. Pouco a pouco, ían distánciandose de novo a luz do lóstrego do ruido do trono, e todos volvíamos ás risas e aos contos. A Choiva ía escampando,e o sol volvía a resplandecer aínda moi alto. As nubes, aquelas nubes grandes, altas, cumios de nubes que chamábamos castelos ían alonxandose. Marchaban cara a outra aldea para que outros nenos se xuntaran noutra palleira nunha tarde de verán.
Saíamos do noso refuxio. O sol volvía a quentar, pero xa non era o calor abafante da mañá, senon un calor agarimoso, que se agradecía despóis da frescura da tronada. Voltábamos para a casa. A aboa rifábanos:¿ónde estívestedes condenados de cativos? ¿vides mollados? Cambiade o calzado que os peores catarros collense polos pés. Candos veñan os vosos pais o venres, xa veredes".
Voltabamos cos pes secos e tomando unha boa merenda que compartíamos e cambiabamos cos amigos, respirando ese aire cheo de perfumes gloriosos que arrecendían da herba e das flores molladas. A aldea volvía a cobrar vida, saían os homes a facer os seus traballo interrumpidos pola choiva, as mulleres a falar nas portas das casas, os nenos para os prados para que as vaquiñas pacesen nesa herba fresquiña. Quedaba aínda moita tarde de sol. Os días eran longos. Sabíamos que mañá tiñamos outra cita no mesmo sitio e case seguro a mesma hora. Tódolos anos repetíamos o mesmo cando saíamos da palleira despóis da tronada: "Ata mañá. Lembrade que son nove días". Daba igual que algún ano fosen dous, ou catro ou dez. Diso sempre nos esquecíamos, pero o que sempre lembrábamos, ano tras ano, era de que sabiamos que sempre que viña un día de tronada no verán, habían de vir oito máis seguidos. Era así, sempre fora así. Aprenderanolo os vellos, nun tempo en que os nenos aínda aprendían dos maiores.
Tamén esqueciamos dun verán a outro que, según ian pasando os días a emoción do primeiro día de tronada ía menguando ata chegar a ser case unha obriga aburrida, pero.... só eran nove días. ¿e qué eran nove días nun verán de infancia que duraba eternamente? Tiñamos moitos días por diante, tiñamos un longo verán por diante. Tiñamos unha vida por diante.

domingo, 15 de enero de 2012

A CASA DE GOLPE

A casa de Golpe é un edificación do século XVIII e está situado no lugar do Casal na nosa parroquia de Santiago de Ois. A súa propitaria é Paca, viúva de Luis Golpe.
A CASA TRADICIONAL GALEGA
A casa galega non era tan só o conxunto de construcción destinadas á vivenda. A casa estaba formada polas terras, a vivenda, as construccións destinadas ás diversas actividades e os membros da unidade familiar que traballaban e vivían nela. Cada casa tiña , e ten , o seu alcume polo que era coñecida e que identificaba tamén aos seus habitantes.
As casas tradicionais do noso concello correspóndense coa tipoloxía da "casa das agras coruñesas" que está presente nunha  ampla rexión situada entre o mar e as serras occidentais. A maioría son casas con sobrado que dispoñen de dous andares.
A planta baixa ou terrea dispón dun corredor que vai de porta a porta, da eira ao corral. A un lado deste corredor atopamos a cociña e a outro as cortes do gando e as escaleiras que levaban ao primeiro andar. A casa galega era unha casa aberta, a única dependica pechada era o sobrado.
Na cociña atopabase a lareira, coa boca do forno cara a ela, coronada pola cambota que recolle o fume cara a chimenea. Arredor da lareira desenvolviase unha boa parte da vida familiar: cociñar, quentarse, recibir as visitas, parolar.... Nesta dependencia  atopábase o mobiliario preciso para os trebellos de cociñar e o enxoval: a mesa e bancos, que nalgún caso eran de levantar, a artesa e o fregadeiro onde se situaba a única fiestra da cociña. Moitas veces comunicada coa cociña atopábase a bodsega.
As cortes ocupaban unha boa parte desta planta baixa e nela estabsan as vacas e as ovellas. Normalmente, os porcos, os cabalos ou mulos tiñan un cortello aparte, As cortes comunicabanse co corredor central mediante unha especie de fiestras, as comedeiras polas que se alimentaban os animais. O gando proporcionaba calor aos cuartos de durmir que se atopaban no sobrado.
As escaleiras que que daban ao sobrado normalmente desembocaban nunha sala que tamén facía de distribuidor para acceder aos cuartos de durmir. Esta sala utilizábase para xantar os días de festa, poñíase o leito cando había algún invitado, facíase o velorio dalgún morto e era o lugar onde traballaban as costureiras cando era precisa a súa labor na casa.
A CASA DE GOLPE
Tanto en Santiago de Ois como nos reus arredores podemos atoparnos coa tipoloxía de casas que acabamos de describir. Pero quero fixarme nunha que pola súas dimensións é unha boa representación do que deu en chamar en tempos pasados "casa grande".
É, coma dixen antes, unha edificación do século XVIII, e está situada no lugar do Casal..
A súa entrada principal da ao camiño do Casal. A porta exterior, de madeira de castaño sen nengún tipo de adorno, pero de un considerable grosor é de dúas follas, e da paso a un amplo patio cuberto con dúas portas aos lados, que antigamente comunicaban cas cortes dos cabalos, xa que neste tipo de casas sempre había cabalos ou mulas como medio de transporte.
Outra porta da casa comunica este patio coa vivenda en sí, a través dun amplo comedor. Ao fondo deste corredor outra porte comunica a vivenda coa eira, reproducindo así a típica construcción das casas de aldea con dúas entradas enfrontdas. A un lado do corredor, a coiña, e ao outro o lugar onde estaban as cortes das vacas, e as escaleiras que soben ao piso. No corredor  hai unhas pedras sobresaíntes e que se usaban para pousar as sellas de auga e para colgar ferramentas de traballo.
A cociña da casa de Golpe, cham a atención polas súas dimensións. Reproduce o deseño típico, cunha gran lareira, un vertedoiro e unha zona de comedor, na que hai un antigo chinero restaurado, onde antigamente se gardaba a louza. O que máis impresiona é a lareira, toda ela de sillería ben coidada, levantada do chan da cociña unhos sesenta ou setenta centímetros para faciliar o traballo das cociñeiras, pois nela era onde se facía a comida, en potes colgados das gramalleiras ou ben en cacharros pousados nos tres pés. Esta lareira conta con unha columna de granito de dimensións considerables como apoio da cambota. Ao arredor da lareira, dous bancos, tamén de castaño, serían de asentos onde os da casa e algúns veciños se quentaban nas longas noites de inverno. Nun lateral, a boca do forno para cocelo pan. A estructura do memso pode verse desde o exterior, nun lateral da gran cheminea.Al carón da lareira, o vertedoiro de granito, presidido por unha fiestra de madeira.
No extremo da cociña unha porta comunica coa bodega. Nun  primeiro paso atopamos un saleiro de considerables dimensións, feito de pedra do país, hoxe en día algo desfeito pola salitre, e de seguido a bodega, onde se almacenaban as patacas, as barricas do viño da colleita propia. Destaca sobre todo, o lagar, onde se espremían as uvas. Non creo que quede non xa na nosa aldea, se non en todo o concello, un lagar de estas características, con un fuso de madeira ben codado e unha gran viga de castaño de grandes dimensións. Ata hai pouco tempo, o lagar aínda prestaba o seu servicio.
A construcción desta casa destaca polo grosor dos seus muros, tanto exteriores como interiores, todos eles de pedra de granito ben traballada. Desde fora, destaca a gran cheminea que coroa o tellado nun lateral, xusto enriba da lareira, o que nos pode dar unha idea das dimensións desta.
Na fachada sur, a que da á eira, pode adiviñarse pola disposición das pedras que conforman a parede a existencia dunha antiga solaina.
Chama tamén a atención o alero que bordea todo o tellado, feito en granito.
No interior da casa sobresae a conxunción da pedra e a madeira sobre todo de castaño. As división dos cuartos están feitas a base de paredes de pedra con un grosor aproxinmado duns oitenta centímetros. As estancias son moi amplas e coma signo de distinción destaca a existencia dun primitivo servicio hixiénico, único por aquel entonces nunha casa deste tipo, composto por un oco pra facer as necesidades fisiolóxicas. A conducción desta evacuación realizábase por unha canalización de pedra incrustada nada parede exterior.
Unha das dependencias desta casa foi utilizada durante varios anos como escola. A ela os nenos e nenas das parroquia accedían por unha escaleira exterior feita en pedra do país. A estancia, de amplas dimensións, atopábase nun extremo da edificación principal, comunicada interiormente con esta e nun plano lixeiramente superior.
O conxunto complétase con un hórreo de pedra e madeira, con tellado de dúas augas, e sen nengún tipo de adorno, e con un pozo de auga dos chamados artesáns coroado por un arco do que pendura unha roldana pla que baixaba e subía o caldeiro.
Destacan na casa as ferraxes das portas, feitas por man de ferreiro, así como as caravillas e pechaduras. Cada fiestra conta con dous paradors de ferro oc fin de suxeitalas cando están abertas e asegurads contra o envite do aire. Tamén existen un vetanucos abertos nos muros exteriores para a ventilación das cortes dos animais, perfectamente enmarcadas con pedras ben traballadas.
CHEMINEA DA CASA
CHEMINEA E ESCALEIRAS
EXTERIORES

EIRA E HORREO
PORTA PRINCIPAL



FACHADA PRINCIPAL QUE DA AO
CAMIÑO DO CASAL

domingo, 18 de diciembre de 2011

A ESCOLIÑA

Levamos moitos anos aquí. Eu moitos máis que ela. Un a beira doutro. Cando estaba so, o tempo pasaba despacio, un verano, un outono, un inverno...e volta a primavera. Un día chegaron uns homes, diron voltas ao meu redor, Mamasiña, qué medo, pensei que a miña vida remataba, que ian facer de min unhas boas hachas para a lareira ou un bon chinero para a cociña. Pero non. Ao día seguinte chegaron moitos homes e puxeronse a traballar, pouco a pouco fixeron as cimentes, despois as paredes, o tellado, as ventas, a porta de medio arco. Despois calearon, e por fin a escoliña estivo rematada. Cos primeiros días frescos do outono, chegaron os nenos. Os nenos e a mestra. Era morena, alta e guapa. Era boa cos nenos e viase que a querían, Os veciños tamen lle tomaron cariño e caseque todos os días cando saía levaba unha cestiña con algun cariño que lle traían os nenos de parte dos pais. Pero nunca quixo quedar a vivir alí. Fixeranlle unha casa a carón da aula, pero decía que tiña medo de vivir alí sola. ¿medo alí? ¿comigo? Eu cuidaría dela. As veciñas da aldea tampouco entendían porque non vivía alí a mestra. Con aquela casa tan boa, con cuarto de baño e todo! E catro habitacións. Pero ela iba e viña todolos días. Tiña coche.Moi moderna. Eu sempre pensei que o que tiña non era medo, se non un mozo na cidade.
Nunca fun tan féliz. Ao pouco do mencer, xa escoitaba a bocina do coche, que saudaba aos veciños que ia atopando. Saía do coche, tan guapa e tan alta. Metíase na escola. Ao pouco ian chegando os cativos. Sempre eran os mesmos os primeiros, e sempre eran os mesmos os últimos, os que viñan arrastrando as zocas, e recelando por entrar.
Escoitabaos cantar as táboas de multiplicar, os ríos de España, “España limita al norte con el mar cantábrico,al oeste con el océano atlántico.....”. O mellor era cando saían ao recreo, xogaban, rian, cantaban, rifaban, sentabanse a miña sombra, intentaban trepar por min. Qué felices eramos todos! Ao chegar o verán, deixaba de ver a mestra, pero os rapaces seguían vindo a xogar no camposa diante da escola. Vin crecer e escoitei como aprendían a ler todos os nenos da aldea. No inverno, cando nevaba, a mestra non viña, o seu auto non podía chegar, pero os cativos seguían vindo a enredar ca neve, aos meus pes.
Pero un ano, cando xa as miñas follas empezaban a caer, e os días eran máis curtos o que me indicaba que faltaba xa faltaba pouco para volver a ver a mestra abrindo a porta da escoliña, non daba chegado o día, os días foron maís cortos e máis fríos e os rapaces nunca voltaron. Dende a miña altura divisiba toda a aldea e pronto vin como todos subían a un coche de línea, que os levaba pola mañá cedo e os traía a tardiña. A escoliña quedóu vacía. Os nenos seguián vindo polas tardes ao chegaren do colexio grande do pobo. Non fixo falla que pasase moito tempo para que os rapazotes da aldea, rompesen os cristais da escola e entrasen na aula. Viñan a fumar os seus pitillos as escondidas dos maiores e a falar das suas cousas. Tamén facían compaña. Pola tarde os nenos xogando na camposa e a noitiña eran os mozos da aldea os que me acompañaban cos seus contos e risas. Tamen viñan as parelliñas a achcucharse ao caron das paredes da escola ou deitarse a sombra das miñas polas. ¡¡Se eu falara!!
Así pasaron uns anos. A escola, sin mantemento de ninguen ia pouco a pouco perdendo o cor branco das paredes, dende a miña altura vía cómo xa lle faltaban tellas, xa non lle quedaba ningún cristal enteiro, as hedras subían polas paredes arriba, Os mozos deixaron de vir, porque xa non era un lugar tranquilo e seguro, o tellado estaba perigoso, pero unha tarde chegaron outros rapaces, nenos da cidade que viñan de vacacions e que non tiñan respeto por nada, e empezaron a golpes con todo. As pobres paredes da escoliña, gastadas pola moita auga que caera por elas dende que o inverno pasado caera a metade do tellado, non aguantaron os embistes das patadas e dos mazazos dos rapaces, e caeron moitos cacchos. Pobre escola, qué falla de respeto, pero comigo non se atrevían, ou quizais, nin se decatasen de que eu estaba alí vendoo todo. Levaba tantísimos anos alí que xa nin reparaban en min. O tempo fixoo o resto e a escoliña terminou caendo. E volvín a estar só. Xa non viña ninguen por alí. Non sei canto tempo pasou pero pareceume moitísimo ata que un bo día chegaron por alí outros homes. Falaron e falaron mentras daban voltas as ruinas da escoliña. Pasados uns días chegaron uns homes e traballaron, levantaron de novo as paredes, pintaron, tellado novo, ventanas de aluminio e porta tamén ainda que conservando a forma da porta antiga de medio arco. Aceras ao redor con cemento. Non tardaron moito en rematar. Ata fixeron unha festa con todos os veciños cando inaurguraron. Pero os nenos non voltaron. Agora veñen os maiores da aldea e fan manudalidades, ximnasia, e de vez en cando unha festiña con grupo musical. Xa non estou solo, pero non é o mesmo. Seguenlle a chamar a Escola. De vez en cando veñen por aquí algún dos meus nenos que xa son adultos e sentanse aos meus pes. Ahí estan un rato, a cavilar, ca mirada perdida na camposa da escola e no paisaxe da aldea que tan ben se ve dende aquí. Eu sei que están escoitando o mesmo ca min: as voces dos nenos cantando: “España limita al norte con el mar cantábrico....”

 

A ESCOLA DE SANTIAGO DE OIS

Xa que falamos da igrexa, do castelo, faltanos, cómo non!, a escola. A mágoa é que non teño a penas datos nin da súa construcción nin do nome dos mestres que alí impartiron clases.
Puiden saber que hai moitos anos, nos tempos da miña avoa facía as veces de escola unha sala na casa de Golpe do Casal. Tamén ocupou unha dependencia na casa de Fortunato Golpe no Casal. Máis tarde impartironse clases na casa de Andrés de Vazquez.
D. EduardoVázquez Somoza foi un dos mestres de Santiago de Ois. Era natural de Melide. En Santiago de Compostela coñecéu a que sería a sus esposa, Dona Teresa Vidal. Él veu destinado a Santiago de Ois, e ela, despóis de pasar por Cumbraos no concello de Sobrado dos Monxes, elixíu destino na aldea veciña de Santa María de Ois, cando morreu Dona Petra, a mestra titular da escola de dita aldea. O matrimonio vivíu ata o ano 1948 na aldea de Santiago de Ois, onde nacerían tres dos seus catro filos, Nucha, Elena e Nardo. Posteriormente, trasladáronse ó lugar de Castrillon na aldea de Santa María de Ois e sería aquí onde nacería Lourdes, a cuarta filla da parella. No ano l965 dona Teresa sería destinada xunto co seu home, para a cidade da Coruña, onde impartirían clases ata xubilarse nos colexios Raquel Camacho e Curros Enríquez, respectivamente. Don Eduardo faleceu no ano 1977, e dona Teresa no 2004 ós 95 anos de idade.
Como xa dixen antes non sei en que ano se fixo a escola no lugar de Pena Cuberta, nin os anos que durou aberta, que penso que non foron moitos, porque pronto se deixaron as escolas de aldea para agrupar os nenos en colexios máis grandes polo que os nenos de Santiago de Ois, Santa María de Ois, e de todas aldeas do concello acabaron indo ao colexio Vales Villamarín de Betanzos, onde siguen indo, aínda que a escola de Santa María de Ois, foi rehabilitada e agora é unha escola unitaria de educación infantil onde van os nenos de 3 a 5 anos.
A escola de Santiago de Ois correú peor sorte, e foi totalmente abandonada. Eu recordoa cos pupitres de madeira, as pizarras, os mapas,libros....etc, etc. Foi unha pena que ningún organismo se preocupara de conservala porque sería ahora un auténtico museo do ensino. Pouco a pouco, foi esquilmada de todas as pertenencias que alí quedaron, e o tempo foi terminando con ela, ata quedar en ruínas. Xa hai anos que está arranxada, e agora serve para actividades como xinmasia, manualidades, comidas dos veciños, xuntanzas veciñais, etc.
Cando eu era nena o edificio aínda estaba en pé, era o noso lugar de encontro, a parte da taberna de Marcote. Cantas tardes temos pasado alí xogando e moceando nos anos de adolescencia.
O edificio constaba de un vestíbulo. Neste vestíbulo había dúas ¿ou tres portas? que eran os servicios. e outra porta que daba a aula, grande, espaciosa e luminosa. Pola parte de atrás estaba a escola do mestre, que nuna foi habitada. Tiña unha cociña con una bilbaína, un baño, catro habitacións e un cuartiño que sería a despensa. Ao primeiro xogabamos na parte de diante, no que era a aula, e dábanos moito medo entrar na casa do mestre, pero pouco a pouco, fomos perdendo o medo e xa todo era noso. Tamén lembro que pola parte de atrás da casa do mestre, había un alpendre, para meter leña e outros enseres e un pozo. O pozo estasba moi perigoso porque non tiña brocal. Nós sabíamos onde estaba, pero aínda así algún adulto puxolle unhas boas pedras enriba. Moitas veces estiven sentada nesas pedras, votando pedriñas polas rendixas entre pedra e pedra e escoitando o ruído da pedra ao bater ca auga.
Escola de Santiago de Ois en ruínas
Son lembrazas, pero sólo eso, lembranzas. Non teño ningún dato, por eso gustaríame que se alguén que lee este blog sabe algo máis da escola, de cando se construíu, cantos anos estuvo aberta, quen foi o mestre ou mestsres que alí fixeron escola agradeceríao moito. O blog da nosa aldea queda un pouco coxo sen datos da escola.

domingo, 27 de noviembre de 2011

O CASTELO DA MOTA


CASTELO DA MOTA
(antigua foto onde aínda existía un muro en pé)


Houbo un tempo en que o noso país estaba inzado de fortalezas e castelos. Mentras que en Castela eran construídas pola Coroa, polos señores ou polos militares para defenderse do inmigo na grande empresa que supuxo a Reconquista, en Galicia construíanse para  loitar contra o inimigo particular de cada quen, co señor rival  ou contra os vasallos que puideran erguerse en armas. Eran reductos puramente defensivos para evitar agresións e depredacións de bens e dereitos de caráctser privado, e que tamén se usaron como base para arrasar os bens do veciño. Eran, en definitiva, recintos torreados e fortificados de defensa e de apoio para o ataque duns galegos a outros, para "liortas caseiras"
Co paso do tempo estas fortalezas galegas sufriron dous golpes que reduciron a súa potencia bélica. Polo ano 1467, e durante a guerra dos Irmandiños, os labregos armados e os seus caudillos (alguns señores enfrontados cos seus iguais) queiman en derruban moitas fortalezas. Aqueles torreóns significaban a opresión e acabaron con eles concienzudamente. Sen embargo, a guerra dou a volta e os señores alzaronse outra vez co poder e cas ruínas dos seus casstelos e obrigaron os campesiños a refacer o que desfixeran. Moitas non chegaron a reconstruírse, Outros señores feudales foron chamados ó servicio da casa real, no reinado dos Reis Católicos, e obligados a desmantelar as súas fortalezas. E así foi como se foron abandonado estas fortaezas espalladas por todo o territorio galego.
E na nosa aldea, como non, tamén houbo unha fortaleza, chamada Castelo da Mota. É de supoñer que o noso castelo tampouco se libróu de toda esta destrucción explicada anteriormente, aínda que non sabemos cal foi o motivo real do seu abandono e derrube. Unha das primeiras reseñas sobre esta fortificación dánola Ángel del Castillo López que nun artículo publicado no número 75 do Boletín da Real Academia Galega que data do ano 1913 describe as ruínas que aínda quedaban entón dalgúns muros baixos cubertos de maleza, pero que deixan entrever a traza ovalada dos seus cementos, e aínda puido fotografiar un muro cheo de hedras. En él dinos Angel del Castillo:
"No sé a qué época pertenece ni a qué civilización acusan los restos de una torre que llaman pomposamente Castelo, en la parroquia de Santiago de Ois. Está en una mota de terreno, ésto es, sobre un montículo, y a penas si los muros que la forman se levantan unos metros sobre el terreno en que se asientan....La hiedra los cubre tratándonos de ocultar más aún, su servicio y forma. Tiene casi la forma de óvalo, aunque los lados corren paralelos y sólo buscan la curva hacia los extremos; cerca se ven los restos y cimientos de otros muros, cuyas líneas dificilmente se siguen, y cuyo objeto no es fácil deducir. Hacia el NO es donde se conserva la mayor altura, midiendo de 6 a 7 metros, pero en los lados S y E hállanse derruida. Los muros son bastante resistentes pues miden un grueso de 2.20 metros, teniendo en cuenta que el eje mayor que va de N a S, una longiutd de 21 metros y en la menor, 18. Es de sillares aparejados irregularmente y tiene alguna que otra saetera rasgando sus muros. Su carácter militar está fuera de duda por su situación, disposición y fábrica.".
O Castelo da Mota de Santiago de Ois perteneceu os señores de Andrade. No ano 1471 os fillos de don Fernán Pérez de Andrade e de dona María de Moscosos, don Diego (señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba) e don Pedro fixeron as partixas, correspondéndolle a éste último a Mota de Santiago de Ois. Don Pedro que tamén era rexidor de Betanzos casóu con dona Juana Díaz de Lemos, filla de don Fernán Pérez Parragués, señor da casa de Parga e de dona Constanza das Mariñas. De este matrimonio naceu don Fernán Pérez de Andrade, señor de Lanzós, Vilamourel, Louriña e da Mota de Santiago de Ois. Despóis de moitas vinculación e outras tantas transmisión de bens e dereitos, recaeu a propiedade en dona Beatriz Losada y Ozores, vizcondesa de Fefiñans y condesa de Maceda quen casóu con don Fernando Casani y Herreros de Tejada e de quen tuvo tres fillas. A maior, dona Lucía, condesa de Maceda e de Vilana é a representante dos dereitos vinculares da Mota de Santiago de Ois.
Hoxe en día o visitante atoparase cun pequeno montículo cuberto de árbores e maleza e con un minúsculos muro de pedra nunha propiedade privada.
Isto é o que nos contan diversas fontes sobre o Castelo da Mota. O que contan os veciños da aldea é a lenda de que foi unha fortificación  dos mouros, e que existe un túnel segredo que parte dos sotos do castelo e vai ata o río, e polo que se podían levar os cabalos a beber, e que servía de camiño de fuxida para os habitantes do castelo no caso de ser atacados.
Eu recordo a miña primeira visita ao Castelo. Foi nun verán cas miñas amigas da infancia. Nese momento estaba nos terreos da casa da Mota, unha casa de labradores que estaba preto do Castelo. Conseguimos chegar  ata alí sen problema, porque nese tempos as fincas aínda non estaban pechadas con balados de pedra ou cemento, e moito menos por portales pechados, Non había moito que ver, un muro de pedra que aínda se mantiña en pé por un dos lados, e o resto, derrubado. No seu interior só había máis pedras e maleza.Estivemos por alí en procura dun tesouro. Qué ilusas!!, No caso case improbable de que algunha vez fora alí agochado un tesouro, cantas xeracións anteriores a nós non terían feito o mesmo!!!. Aínda que sei dalguns rapaces da nosa aldea que levaron pico e pala, pero pronto se cansaron de non atoparen máis que pedras. Cando xa íamos preto do camiño, pegounos un bo susto Antonio da Mota, o pai do noso veciño Julio da Mota. Preguntounos de onde viñamos, e nós, un pouco asustadas porque estábamos na súa eira sen permiso, dixemoslle a verdade que viñamos de visitar o Castelo en procura dun tesouro. El botóu unha boa gargallada, "Ay, neniñas ahí non hai ningún tesouro, se non xa o tería atopado eu hai moito tempo. Ahí sólo quedan pedras, e non moitas, porque se usaron para facer moitas casas e balados no Casal.! Recordo que despóis dounos froita, uns pexegos, e nós marchamos de alí disfrutando da saborosa froita e contentas de teren estado nun castelo.
Anos despóis morreron Antonio e Andrea, os pais de Julio e a casa, a eira e o arredor quedaron en herencia para tres netos , tres irmáns, sobriños de Julio. Eles venderon todo, casa e finca, cas ruínas do Castelo incluídas. Comprouno unha empresaria da Coruña, Teresa Rego, que amañou todo o arredor e a eira facendo un xardín, conservou a antiguo hórreo e a parte vella da casa, aínda que para o meu parecer , estropeuno todo añadindolle un anexo á casa de nova edifición co cal a casa perdeu a súa forma orixinal de casa típica de labradores da zona noroeste de Galicia.
Agora, ao estar nun finca privada e cerrada a maioría do ano, e cunha dona allea a aldea e sen contaco cos veciños, os nenos de Santiago de Ois, xa non disfrutarán dun día de verán ilusionados por pisar as ruínas dun Castelo medieval.
Horreo da finca da Mota
Camiño nevado. Á dereita a casa da Mota
Actual finca da Mota cos restos do Castelo ao fondo

Restos do Castelo na actualidade.

domingo, 13 de noviembre de 2011

A IGREXA DE SANTIAGO DE OIS

A igrexa é unha construcción de estilo románico do século XII. Está situada nunha vagoada da Ribeira do río Mandeo, sola e afastada das casas da aldea, rodeada de campos e monte. Ao seu redor está o camposanto e no camiño, fora do recinto do ceminterio está o cruceiro e un carballo centenario. Houbo tres, pero foron cortados hai moitos anos.


A igrexa no exterior presenta tellado a dúas augas no que coroan duas cruces ou piñóns. Unha delas, a que está enriba do Agnus Dei no teesteiro da nave, non ten forma de cruz, senón que semella un antiga celosía de orixe visigótico dos séculos IX ou X. A que está enriba do testeiro do abside é unha cruz dentro dun circulo pero está rota.
Os canzorros presentan forma xeométrica, tanto na nave como no ábside, excepto un que representa unha cabeza humana. Dá a sensanción de que puideron ter en orixe presentación dos pecados como se ve noutros templos románicos da comarca e que sufrisen, como suceden en San Martiño de Bravío, pola censura o rebaixe ás formas xeométricas actuais.
Nos muros conservase dous contrafortes da antiga construcción, como saeteiras e dúas portas, unha na fachada principal con tímpano liso semicircular e outra no lado Sur que está tapiada. Sobre a porta da fachada hai unha furna cunha imaxe moderna de Santiago, que se colocou cando se fixo a remodelación interior do templo e o sellado das pedras no exterior. no lado Norte non hai porta, pero nos muros aínda se poden ver os indicios das pedras que servían para o cobertizo que agora non existe.
No interior ten un arco triunfal de medio punto que vai sobre semicolumnas de fuste corte con capiteis de decoracións vexetais e basas medio enterradas no chan da igrexa.
Outras imaxes da nosa igrexa:
Dende a porta do adro
Restos da nevada
Parroquia de Santiago de Ois



Fachada da igrexa

Volta a igrexa dende o cruciero cos ramos .bendecidos.





Tocando as campás

Procesión no día do Santiago

Procesión do 25 de Xullo
Día do Santiago


No adro da igrexa. Foto do ano 1966

Bendición dos Ramos.
Domingo de Ramos

Procesión no día do Patrón.
Antigua porta tapiada nun lateral
da igrexa
Cuceiro
Cruz, posiblemente unha celosía visigótica
Parte traseira da igrexa


Camiño da igrexa



A NOSA ALDEA

A nosa aldea, Santiago de Ois está ubicada no concello de Coirós. Formada polos lugares de Combarro, Casal e Caresma. Xeográficamente atopase nunha das ribeiras do río Mandeo.
Imos con algo de historia:
Dentro da toponimia da parroquia de Santiago de Ois, aparecen lugares denominados "as medoñas", que poden referirse a posibles enterramentos prehistóricos. A época castrexa aparece representada polo castro da Mota, no lugar onde se construíu na época medieval o castelo coñecido como "Castelo da Mota".  O castro, situado actualmente nunha propiedade privada, é duns trinta metros de diametro na súa croa. Pola lado Norte está situado para o río Mandeo, ten unha defensa baixo a croa e o resto é de accidente natural. Polo Sur, aprecianse dúas liñas defensivas cos seus fosos, pero puido teren existido tres. Non se diferencian restos e estructuras de entrada.Conservase no lugar a lenda de que foi feito polo mouros e dicíase que había un tunel secreto que chegaba dende alí ata o río.
Entre Santiago de Ois e Caresma hai noticias de que se atoparon retos de tégulas e ladrillos de época romana,.
O documento máis antigo coñecido no que se menciona a aldea é do século X, do libro Tumbo do mosteiro de Sobrado.. O lugar de Ois aparce con asiduidade en documentos medievais, como cando en xaneiro dde 1206, Martinus Petri e os seus fillos venden a Sobrado unhas heredades en Santiago de Ois, no casal de "Teixu".
López Ferreiro (Historia da igrexa de Santiago, apéndice documental XXIX, do tomo II ) sitúa o lugar de "Adones" que aprece nun documento do 28 de febreiro de 910, como posible variante de Ois. Deduce o autor polo texto do documento a posible exisstencia dun mosteiro altomedieval. Existen fundadas dúbidas de que se corresponda o lugar, e aínda que así fose non se fai clara a referencia a esixtencia dun mosteiro. Pero sí chama a atención o lugar no que está enclavada a igexa, escondida nunha vagoada da ribeira que da o río Mandeo, no que nos leva a pensar na posible existencia dun mosteiro altomedieval ou con terras de frades.
A parroquia, como dixemos antes dividese en tres lugares Combarro, na parte máis alta da aldea, o Casal, xa máis metido hacia a ribeira, máis recollido dos ventos . As casas de este lugar son as máis grandes e vellas da aldea, coma a casa de Golpe, a casa de Pepito, a casa de María de Joros. O outro lugar, Caresma é o máis afastado do "centro" da aldea. De feito, actualmente non é considerada como parte de Santiago de Ois. Sei que hai anos os nenos de Caresma viñan a escola de Santiago de Ois, e xa ahí non debían de ser considerados como veciños, porque a saída da escola, os nenos de Combarro e Casal, "acompañabanos" parte do camiño, lanzandolles pedras. Cousas de nenos, pero da a entender que aínda que oficialmente pertencen a parroquia de Santiago de Ois, non eran considerados veciños da aldea. En Caresma hai unha pequena ermida dedicada a San  Brais, polo que non celebran a festa do patrón, Santiago Apostol, o 25 de xullo, como se fai no Combarro e Casal. Descoñezo se antigamente os actos relixiosos como bodas e enterros facíanos en Santiago de Ois, pero actualmente fanos na parroquia veciña de Espenuca.
O lugar de Combarro dividese tamén a súa vez en rueiros, grupiños de casas, como poden ser A Pena, O Penedo, A Picha, A Brea, As Lamas, A Freiría, A Cepeira, A Medoña. No Casal, atopamos Os Currás e A Mota.